O Colexio de Xornalistas apadriñou a presentación en Santiago de Reporteiros Galegos Solidarios


A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) presentou o pasado venres 24 en Santiago nun acto no que exerció de padriño o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).

Previamente, o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, e o presidente de Agareso, Juan de Sola, asinaron un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para a posta en marcha de diferentes actividades relacionadas coa cooperación e a comunicación.

Durante o acto Agareso proxectou un documental sobre as actividades que desenvolve desde a súa creación.

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios é unha organización sen ánimo de lucro, formada por un colectivo de profesionais da comunicación en Galicia que están comprometidos coa produción, realización e difusión de proxectos de cooperación e solidariedade, con especial dedicación o desenvolvemento de accións sociais que estean promovidas dende a Comunidade Autónoma galega, tratando de xerar unha muda cara a unha sociedade máis inclusiva e xusta.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) é unha entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia. Actualmente aglutina a máis de 1.100 colexiados repartidos polas súas sete demarcacións: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.