A curta "Por nada" entre as catro finalistas nos Mestre Mato do Audiovisual Galego

O vindeiro día 15 de Abril fállanse no Ferrol os PREMIOS MESTRE MATEO do audiovisual galego.

Na categoría de curtas de ficción está seleccionada a titulada “Por Nada” de Ficción Producciones, dirixida por Dani de la Torre e por Toni Veiga, sobre un artigo orixinal de Diego Bagnera publicado en XL Semanal, e cun primeiro guión de Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, logo complementado polo propio Toni Veiga.

O Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz apoiaron a citada curta e asesoraron na súa realización, tamén a distribuiron gratuitamente a tódolos institutos de Galicia para traballar na educación para a convivencia, con moito éxito. E forma parte dos cursos de formación do profesorado que imparten anualmente sobre o cine como obxecto de coñecemento e como recurso didáctico para abordar o tratamento dos conflitos nas aulas.

Ata hoxe, “Por nada” ten recibido varios premios e recoñecementos, entre outros os seguintes: Cortogenia 2009.Baumann 2009.Festival de L'alfas del Pi.Festival Siles Cinema.Festival de Cine Social de Astorga.Festival Internacional de Bogotá.Festival Internacional de PortobellO. Festival Solidario de Guadalajara (FESCIGU). Festival de Pamplona (Alternatif). Festival La Boco del Lobo. Fastcurt. Festival de Ikuska-Pasaia. e foi pre-finalista nos Goya, entre os 10 mellores do ano.

Programa de respiro familiar en Burgos

O Centro de Referencia Estatal de Enfermidades Raras (CRER) de Burgos convocou o seu "Programa de Respiro Familiar".

Trátase dunha estanza de respiro para persoas afectadas por enfermidades raras que se realizarán en catro quendas entre o 19 de xullo e o 10 de setembro.

Está destinado a persoas de todas as idades e desenvolverase no devandito centro de referencia. O prazo para realizar a inscrición xa está aberto e rematará o 30 de abril.

Palestra en Cambre sobre Palestina: o conflito e a paliación das consecuencias

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org), o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Cambre organizan unha palestra para abordar o drama do pobo palestino desde dúas perspectivas moi diferentes: a complexidade do conflito entre Israel e Palestina e o traballo que o Comité Español da UNRWA (Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina) realiza cos refuxiados con apoio do municipalismo galego e a Xunta de Galicia.

Co título “Palestina: o conflito desigual e a paliación das consecuencias”, a palestra, que se celebrará o 24 de marzo no Centro Sociocultural do Graxal (rúa Álvaro Cunqueiro, s/n, O Temple) do Concello de Cambre, consistirá en dúas conferencias. A primeira, “Cal futuro para Palestina?”, a cargo do analista do IGADI, Roberto Mansilla Blanco. A segunda, “A UNRWA en Palestina: os proxectos apoiados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”, a cargo de Carmen Quintana Gundín, directora de proxectos do Comité Español da UNRWA.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, cuxa Secretaría Técnica recae no IGADI, coorganiza tamén, coa Deputación de Lugo e diversos cidadáns da cidade das murallas, unha conferencia de Carmen Quintana Gundín sobre o apoio do Fondo Galego ao Comité Español da UNRWA. Terá lugar o 25 de marzo, no local social de Caixa Galicia (Praza de Santa María), ás 19:30.

Desde 2006, o IGADI colabora co Comité Español da Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA) na difusión en Galicia das súas actividades, exposicións, charlas, etc., a fin de sensibilizar á sociedade galega sobre a problemática da poboación civil nos territorios palestinos militarmente ocupados por Israel. Dáse deste modo cumprimento ao establecido nun convenio marco asinado entre as dúas entidades, o 19 de xullo de 2006, en virtude do que o IGADI foi recoñecido como o “centro de referencia” da axencia das Nacións Unidas en Galicia.

ASEM Galicia propón un taller de manualidades

Dende ASEM Galicia queremos propoñervos unha nova actividade, un Taller de Manualidades.

Este taller impartirao Dona Ángeles Rodríguez socia de ASEM Galicia.
As manualidades que se levarán a cabo consistirán en realizar verdadeiras obras de arte como as que se mostran nas seguintes fotografías:

Están realizadas con vasillas de cristal e panos da mesa de cores. É unha técnica sinxela de aprender e coa que se obteñen resultados fantásticos.

As datas do taller serán as seguintes:

- 25 de Marzo de 2010.
- 8 de Abril de 2010.
- 15 de Abril de 2010.
- 22 de Abril de 2010.
- 29 de Abril de 2010.
- 6 de Maio de 2010.

O horario de inicio das clases será ás 17 h durando aproximadamente 1 h e media.
Realizarase no local de ASEM Galicia en Vigo, C/ Párroco José Otero n.º 6 Baixo.

As prazas son limitadas e recolleranse as solicitudes por estrita orde de entrada.
O custo do taller será de 10 € por persoa esta cota inclúe as sesións e o material.

Todos aqueles que esteades interesados nesta actividade, podedes anotarvos no tlf: 986 378 001 986 378 001 ou no seguinte correo electrónico asemgatrabajadorasocial@gmail.com, poñendo os vosos datos persoais e teléfono de contacto.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha un programa no eido de atención ás persoas dependentes

A Deputación de Pontevedra anuncia a posta en marcha dun novo itinerario formativo de inserción laboral de carácter práctico promovido polo proxecto “Aquelando 2”, organizado pola entidade provincial e subvencionado polo Fondo Social Europeo a través do Ministerio de Política Territorial.

Este novo proxecto ten un triple frente de actuación. Dun lado ofrece ás persoas que participen nel a posibilidade de facer prácticas laborais no sector de atención a persoas, para o coidado e atención de persoas maiores, persoas con discapacidade e infancia. Realizaríanse 200 horas de prácticas en entidades e empresas adicadas ó sector.

Doutra banda, facilita unha formación transversal complementaria de 35 horas, que se realizarán na modalidade a distancia. Igualdade de oportunidades, Novas tecnoloxías da información, Medio ambiente e Fomento da non discriminación e loita contra a exclusión, son algunhas das materias que se tratarán de forma teórica.

Finalmente, as persoas adscritas ó plan poderán integrarse nas accións do proxecto “Aquelando 2” e na súa bolsa de emprego, sendo informadas e orientadas para poder atopar un traballo no sector de atención a persoas.

Desemprego e becas

Esta actuación vai dirixida a persoas desempregadas e empadroadas na provincia de Pontevedra que teñan formación regrada ou ocupacional (mínimo 300 horas) relacionada con eidos como son: axuda a domicilio, atención sociosanitaria, técnico/a en xardín de infancia, xerontoloxía, atención a persoas dependentes ou similares.

A participación é gratuíta e, ademais, no tempo de realización das prácticas poderá optarse a unha beca de axuda á formación. As persoas interesadas en participar poden chamar ao 986 804 100 (Proxecto “Aquelando 2”) ou escribir a aquelando@depo.es