Palestra en Cambre sobre Palestina: o conflito e a paliación das consecuencias

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org), o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Cambre organizan unha palestra para abordar o drama do pobo palestino desde dúas perspectivas moi diferentes: a complexidade do conflito entre Israel e Palestina e o traballo que o Comité Español da UNRWA (Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina) realiza cos refuxiados con apoio do municipalismo galego e a Xunta de Galicia.

Co título “Palestina: o conflito desigual e a paliación das consecuencias”, a palestra, que se celebrará o 24 de marzo no Centro Sociocultural do Graxal (rúa Álvaro Cunqueiro, s/n, O Temple) do Concello de Cambre, consistirá en dúas conferencias. A primeira, “Cal futuro para Palestina?”, a cargo do analista do IGADI, Roberto Mansilla Blanco. A segunda, “A UNRWA en Palestina: os proxectos apoiados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”, a cargo de Carmen Quintana Gundín, directora de proxectos do Comité Español da UNRWA.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, cuxa Secretaría Técnica recae no IGADI, coorganiza tamén, coa Deputación de Lugo e diversos cidadáns da cidade das murallas, unha conferencia de Carmen Quintana Gundín sobre o apoio do Fondo Galego ao Comité Español da UNRWA. Terá lugar o 25 de marzo, no local social de Caixa Galicia (Praza de Santa María), ás 19:30.

Desde 2006, o IGADI colabora co Comité Español da Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA) na difusión en Galicia das súas actividades, exposicións, charlas, etc., a fin de sensibilizar á sociedade galega sobre a problemática da poboación civil nos territorios palestinos militarmente ocupados por Israel. Dáse deste modo cumprimento ao establecido nun convenio marco asinado entre as dúas entidades, o 19 de xullo de 2006, en virtude do que o IGADI foi recoñecido como o “centro de referencia” da axencia das Nacións Unidas en Galicia.

No hay comentarios: