Aberta a matrícula para os XXV Encontros de Educación para a Paz

Xa se pode realizarse a matrícula (30 €) para participar nos XXV ENCONTROS DE EDUCACION PARA A PAZ que terán lugar os días 11, 12 e 13 de Marzo na Facultade de Xornalismo en Santiago de Compostela sobre "Dereitos e responsabilidades de nenas, nenos e adolescentes" directamente na web: www.sgep.org ou telefonicamente no 981-561956.

Os Encontros teñen un recoñecemento de 1 crédito de libre configuración para o alumnado das tres universidades galegas.

Esta será a 25 edición dos Encontros de Educación para a Paz que anualmente organiza o Seminario Galego de Educación para a Paz. Cada edición está dedicada a un tema monográfico e, nesta ocasión, trátase de complementar as actividades e iniciativas que con motivo do Día Escolar pola Paz se desenvolveron sobre este mesmo tema nos colexios e institutos de Galicia, unha reflexión non só sobre os dereitos da infancia senón tamén das responsabilidades e obrigas que conlevan, con un mesmo e cos dereitos dos demais.

Entre os relatores e relatoras previstos podemos destacar a Dª Elsa Punset (especialista en xestión emocional), D. Xosé Antón Caride (Catedrático de Pedagoxía Social da USC), Dª Irene Comins Mingol (Coordinadora da Cátedra UNESCO de Filosofía per la Pau da Universidade Jaume I de Castelló), Dª Consuelo Crespo Bofill, presidenta de UNICEF ou Dª Mª Jesús Álava Reyes (psicóloga clínica).

Haberá tamén obradoiros e experiencias de Amnistía Internacional, UNICEF, de Cinema, Maxia, Xogos Cooperativos, e actuacións musicais.

Tendo en conta que o Seminario Galego de Educación para a Paz celebra as súas vodas de prata cursáronse invitacións ó Ministro de Educación, D. Angel Gabilondo, á Presidenta do Parlamento, Dª Pilar Rojo, ó Conselleiro de Educación, D. Xesús Vásquez Abad, ó Alcalde, D. Xosé Antón Sánchez Bugallo ou o Presidente da Deputación de A Coruña, D. Salvador Fernández Moreda, entre outras institucións.

Estes Encontros están dirixidos a alumnado das universidades, preferentemente, futuros docentes, e a ensinantes en activo.

No hay comentarios: