Curso en Pontevedra para coidadores de persoas con discapacidade

Procurar aos discapacitados as mellores atencións ao tempo que se abre o mercado laboral a colectivos de difícil inserción é o dobre obxectivo dun curso de formación de coidadores que vén de poñer en marcha a Concellaría de Benestar Social e Patrimonio. Trátase dunha iniciativa novidosa que, en opinión da concelleira, Margarita Castejón, exemplifica perfectamente como actuar no marco dos Servizos Sociais cubrindo distintos ámbitos.

No curso, que comezou onte participan un total de 20 persoas, que durante os próximos meses van recibir un total de 150 horas de formación teórica e 250 horas de formación práctica. Está dirixido a persoas empadronadas en Pontevedra e usuarias do Plan municipal de Inclusión, ou sexa persoas que nalgún momento acoderon aos Servizos Sociais e que teñen dificultades para acceder ao mercado laboral, por falla de formación, por seren parados de longa duración, escaseza de habilidades sociais, etcétera.

A formación, tanto teórica como práctica, está a cargo da asociación de atención á parálisis cerebral e afines «Amencer-Aspace» e ten un custo total de 13.500 euros. O curso, que inclúe xornadas de catro horas na primeira fase e de seis horas diarias na segunda, rematará cara finais de xullo.

Margarita Castejón agarda que esta ferramenta que agora ensaia o seu departamento dea froitos en forma de contratos de traballo para os participantes. Subliña que o obxectivo do Plan de Inclusión é poñer en marcha actuacións para tentar a inserción laboral dos seus usuarios, dotándoos dos necesarios coñecementos e habilidades.

O perfil dos participantes é o seguinte: muller, perceptora da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga), con escasa formación no sector, pero si con experiencia na economía sumerxida no relativo ao coidado de persoas maiores ou enfermas. Aproximadamente, un 30% son inmigrantes.

No hay comentarios: