ASEM Galicia celebra o día das enfermidades "raras"

O domingo 28 de febreiro é o día dedicado á conmemoración mundial das enfermidades catalogadas como "raras". As enfermidades neuromusculares, con máis de 150 diagnósticos distintos e unha cifra de afectados en toda España que rolda as 30.000 / 40.000 familias encóntranse dentro deste grupo de patoloxías.

Así, ASEM Galicia, por segundo ano consecutivo, quere participar na celebración deste día e preparou un acto en Vigo o próximo sábado 27 de febreiro. Neste participarán diferentes especialistas médicos que tratarán temas como a estratexia nacional das enfermidades raras, a ataxia ou a importancia da rehabilitación, cunha intervención charla-coloquio para que os asistentes poidan facer as súas consultas directamente a estes profesionais.

Tamén pensamos nos máis pequenos da casa, para os que haberá actividades con monitores, xogos e un concurso de pintura.

Pola súa banda, o Centro de Referencia Estatal de Enfermidades Raras de Burgos organizou unha xornada divulgativa sobre as enfermidades raras en Ferrol. O acto será o día 23 de febreiro no edificio, levando por título o marco actual das enfermidades raras. Novo modelo de atención" e terá lugar no salón de actos do edificio Caixa Galicia. ASEm Galicia estará presente nas xornadas para presentar a entidade, os seus servizos, programas e proxectos.

Ademais, recordámosvos que os días 25 e 26 se celebrará en Santiago de Compostela o II Congreso Nacional de Atención ao Paciente Crónico, no que ASEM Galicia e a Federación ASEm terán a oportunidade de presentar unha comunicación oral e un póster, respectivamente (www.cronicoscompostela2010.org).

Por último, e na liña destes actos de difusión, informámosvos que o luns día 22 na canle de tv Cuatro emitirán o programa "21 días" dedicado, neste caso, a mostrar a vida diaria das persoas en situación de dependencia. Entre eles, sairán algúns dos socios da nosa entidade compañeira, ASEM Madrid.

No hay comentarios: