EAPN-Galicia presentou o seu manifesto por unha cidadanía inclusiva no Parlamento de Galicia


Unha delegación dos colectivos participantes no I Encontro Galego de Cidadanía Inclusiva, acompañados pola directiva da Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN-Galicia), visitou esta mañá o Parlamento de Galicia coa finalidade de achegar as súas propostas sobre os dereitos de Igualdade e de Cidadanía á Presidenta do Parlamento e aos Voceiros dos tres Grupos Parlamentarios galegos.

Os membros da delegación de EAPN-Galicia mantiveron unha xuntanza coa Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, e os representantes dos tres grupos con presenza na cámara: Manuel Ruíz Rivas (Grupo Parlamentario Popular), Beatriz Sestayo (GP Socialista) e Carlos Aymerich (GP do Bloque Nacionalista Galego).

Neste encontro, EAPN-Galicia presentoulles aos seus interlocutores o “Manifesto por unha Cidadanía Inclusiva”, documento no que se recollen os resultados e propostas extraídos do I Encontro Galego de Cidadanía Inclusiva, que EAPN-Galicia celebrou en Santiago o pasado 10 de abril. Este encontro reuniu medio cento de participantes correspondentes a unha ducia de colectivos en situación ou risco de exclusión social (persoas inmigrantes, sen teito, etnia xitana, mozos tutelados e ex tutelados, parados de longa duración, persoas con discapacidade e ex toxicómanos). Estes colectivos traballan coas distintas organizacións sociais integradas en EAPN-Galicia.
Foron os propios participantes quen elaboraron durante o encontro as conclusións do Manifesto presentado hoxe. En representación de todos estes colectivos, acompañaron á Xunta Directiva de EAPN-Galicia un membro do colectivo xitano, outro das persoas con discapacidade e un mozo residente en vivenda tutelada.

Un dos obxectivos esenciais da Rede Galega de Loita contra a Pobreza –EAPN-Galicia- é incidir no deseño das políticas públicas a prol dos dereitos e intereses das persoas en risco de exclusión. Coa súa presenza no Parlamento de Galicia, a organización quixo trasladarlles aos distintos representantes políticos a súa vontade de que a voz destes colectivos, plasmada no Manifesto, sexa tida en conta nos procesos de toma de decisións.

Asemade, a Xunta Directiva de EAPN-Galicia entregoulles á presidenta do Parlamento e aos grupos parlamentarios dúas resolucións nas que chama a atención, en primeiro lugar, sobre a necesidade de aumentar o dinamismo dos órganos consultivos e de asesoramento en materia de asuntos sociais, para que funcionen como espazos reais de participación; e, en segundo lugar, sobre a necesidade de utilizar as Cláusulas Sociais e a Reserva de Mercado na Contratación Pública, como forma de poñer en valor a bagaxe das entidades sociais prestadoras de servizos.

A Rede Galega contra a Pobreza nace en setembro de 2008 coa finalidade de agrupar e aunar os esforzos das entidades galegas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión social a través da defensa dos dereitos e a participación social plena destes colectivos.

EAPN-Galicia é membro da Red de Lucha contra la Pobreza y la Exclusión Social en el Estado Español-EAPN-ES- e forma parte da European Anti Poverty Network -EAPN- unha coalición independente de ONG e outros grupos involucrados na loita contra a pobreza e a exclusión social nos estados membros da Unión Europea. Está formada polas seguintes entidades: Fundación Secretariado Xitano, Fundación Meniños, Cruz Vermella, Down Galicia, Asociación Plataforma polo Emprego, FEAFES: Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais de Galicia, COGAMI: Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, IGAXES3, Emaús Fundación Social, Cáritas Diocesana de Ourense, Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Federación Autismo Galicia, Asociación Galicia Acolle, ACCEM Galicia.

No hay comentarios: