Os dereitos das nenas e dos nenos exponse no CCM Os Mallos da Coruña

A mostra de Intervida poderá ser visitada ata finais de setembro A Coruña (16/09/10).

Os dereitos da infancia son os protagonistas da exposición Os Dereitos das nenas e dos nenos que pode visitarse no Centro Cívico Municipal Os Mallos a partir de hoxe e ata o próximo 30 de setembro.

A exposición está formada por nove fotografías de nenos e nenas a tamaño natural e sobre material ríxido, que achegan ao espectador cada un dos dereitos da infancia recollidos nos 54 artigos da Convención sobre os Dereitos do Neno de Nacións Unidas.

As figuras explican ao visitante os dereitos básicos que teñen os nenos e nenas como o dereito a recibir unha educación, a poder acceder aos servizos básicos de saúde, a crecer en familia ou a posuír unha identidade.

Con esta iniciativa o CCM Os Mallos súmase á campaña de sensibilización polos dereitos da infancia que Intervida puxo en marcha para concienciar á sociedade sobre a realidade que viven millóns de nenos privados dos seus dereitos básicos e non poucas veces en situacións de risco e explotación.

Os nenos que visiten a exposición tamén poderán facer a súa propia achega cun debuxo sobre os seus dereitos. Posteriormente a ONG recompilará algúns destes debuxos en forma de publicación como manual dos dereitos da infancia.

A exposición Os Dereitos das nenas e dos nenos pode visitarse no Centro Cívico Municipal Os Mallos ata o próximo 30 de setembro, de luns a venres de 9 a 14:00 h. e de 16 a 21:00 h. e os sábados de 10:30 a 13:30h e de 16:00 a 21:00h.

Sobre Intervida Intervida é unha ONG internacional de cooperación ao desenvolvemento e sensibilización social que actúa localmente coas comunidades para promover o cambio social sostible a través da mellora das condicións de vida das poboacións vulnerables, en especial da infancia, e incidindo nas causas da pobreza e as desigualdades.

No hay comentarios: