A Escola de Saúde para Cidadáns organiza obradoiros sobre envellecemento activo, prevención de violencia de xénero e coidados paliativos

Escola Galega de Saúde para Cidadáns organizará nas próximas semanas obradoiros sobre distintos temas como envellecemento saudable, formación de voluntarios, alimentación, coidados paliativos e prevención de violencia de xénero, entre outros. As persoas interesadas en tomar parte en calquera destas actividades poden informarse e inscribirse a través da páxina web da Escola, http://www.sergas.es/EscolaSaude/, no apartado Actividades docentes.

Así, o 25 de maio, en Vigo, terá lugar un obradoiro de Envellecemento activo e saudable dirixido a persoas maiores de 50 anos, coidadores de persoas dependentes e membros de asociacións de axuda mutua. A actividade terá lugar na aula de docencia do Hospital Nicolás Peña en horario de tarde, e as súas ponentes serán Isabel Redondo Zambrano, traballadora social do Centro de Saúde de Vite; Ana Martínez Lorente, médico especialista en nutrición; Idalina Alcoba Mayo, fisioterapeuta do Centro de Saúde de Vite; Ana Pazos Lojo traballadora social; e Pilar Fernández Pérez, psicóloga.

Ao día seguinte celebrarase na Coruña un obradoiro de cancro sobre Formación de voluntarios dirixido a voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro, que ten por obxectivos facilitar a adquisición de competencias relacionadas coa formación e coordinación de futuros voluntarios e propoñer, implementar e avaliar as estratexias de mellora neste eido.

Esta iniciativa, que tamén se celebrará en horario de tarde, contará coa participación de Carmen Cereijo Garea, supervisora de área de Hospitalización e enfermeira responsable da consulta de enfermería para a muller intervida de cancro de mama do CHUAC e Mª Pilar Souto Astray, enfermeira do Hospital de día de oncoloxía.

No hay comentarios: